O tecido empresarial de Vimianzo aproba a plataforma para mercar a través da Internet

2 minutes read
  • Esta acción enmárcase dentro do Plan de Rectivación Económica da Costa da Morte, impulsado principalmente polos concellos de Vimianzo e Camariñas

O tecido empresarial de Vimianzo reuniuse este mércores na Casa da Cultura do municipio para coñecer en primeira persoa a plataforma e-commerce, un proxecto co que se agarda fomentar o comercio a través de Internet nesta nova «normalidade».

Esta acción enmárcase dentro do Plan de Reactivación Económica da Costa da Morte, impulsado polos concellos de Vimianzo e Camariñas e no que participan tamén outros 11 concellos da contorna. O plan do goberno vimiancés é sufragar o custe da licencia na súa totalidade no primeiro ano de vida desta plataforma.

Esta plataforma, da empresa DBARRIO, foi a escollida das alternativas propostas, xa que fomenta o comercio de proximidade potenciando a fidelidade coa clientela. Ademais, facilita o modo de transporte, ampliando o abano de puntos de recollida e propoñendo a posibilidade de contactar con repartidores locais e inclusive co sector do taxi para realizar o servizo.

Os comerciantes de Vimianzo acolleron a idea ‘de bo grado, amosándose tremendamente satisfeitos pola alternativa proposta’, comenta Rosa Sánchez, técnica de ADL de Vimianzo. De feito, xa de adheriron a este servizo sete empresas.

O Concello de Vimianzo poñerá a disposición do tecido comercial do municipio un directorio web para que se poidan inscribir no mesmo todos os comercios que así o desexen. Á reunión acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Benestar, María José Pose; a técnica de ADL de Vimianzo, Rosa Sánchez; a técnica informática do Concello de Vimianzo, Lorena Cernadas e Pablo Sánchez e Jacobo Santamarina, en representación da empresa que prestará este servizo, DBARRIO.

Xuntanza en Camariñas
Está previsto que o vindeiro martes 16 de xuño ás 9:00 horas na Casa de Pedra do Concello de Camariñas se celebre esta mesma reunión co tecido comercial do municipio camariñán.