O Consello de Ministros aprobou a Lei do teletraballo, despois de pactala con empresarios e sindicatos. A norma pretende rematar co baleiro legal que había respecto ao traballo a distancia, agora en auxe pola pandemia. Atinxe todos os que traballen dende a casa polo menos dous días á semana. Sempre será voluntario e os empregados poderán renunciar ao teletraballo en calquera momento se cambian de opinión.
A norma tamén aclara que un traballador a distancia é idéntico en dereitos e obrigas aos traballadores presenciais. Tampouco varía a retribución, a estabilidade no emprego, o tempo de traballo, a formación e a promoción profesional. Segundo sinalou a ministra de Traballo, non poderá usarse a falta de adaptación a este modelo como causa de despedimento obxectivo, o de menor indemnización.