Unha persoa resultou ferida de gravidade tras caer dunha altura duns catro metros.
Fortes rachas de vento de máis de 120 quilómetros hora obrigaron na tarde deste mércores a intervir a Bombeiros, Protección Civil e Policía Local de Carballo en numerosas incidencias producidas en diferentes puntos do casco urbano.
Unha persoa resultou ferida de gravidade tras caer nun edificio da rúa Muíño dunha altura duns catro metros. O 112 daba a voz de alarma e ao lugar acudía unha patrulla da Policía Local así como unha ambulancia medicalizada que evacuaba o ferido ao PAC.
Outro dos sucesos foi alertado á primeira hora da tarde por usuarios do aparcadoiro situado fronte ao instituto Alfredo Brañas debido a caída de cascotes de cemento, posiblemente desprendidos dun dos antigos depósitos de auga ubicados nese lugar. Protección Civil sinalizaba a zona para evitar o acercamento de coches ou persoas.
Acto seguido o desprendemento de partes dun rótulo á altura do número 23-25 da rúa Fomento fixo necesaria a intervención dos bombeiros para desmontalo, evitando así a caída total do mesmo de xeito descontrolado, con perigo para os viandantes e o propio táfico rodado.
Tamén volcaba na rúa Barcelona a terraza de cristal da cervecería Boa Estrela, quedando a rúa pechada ata a intervención dos bombeiros.
Outro suceso perigoso producíase na intersección da rúa Sol coa rúa Santa Ana, moi transitada a media tarde pola proximidade dun supermercado, onde dun andamio que cubre a totalidade da fachada do edificio que fai esquina comezaron a caer tablóns de obra. De inmediato Policía Local acordoaba a zona e os Bombeiros desprendían os tablóns colgantes por seguridade.
Xa á última hora da tarde deste mércores foi necesaria tamén a intervención dos Bombeiros no tellado da Biblioteca Rego da Balsa, así como a retirada dunha antena na rúa Luís Braille. Caída de árbores e desprazamento de contedores pecharon unha xornada completa de incidencias e traballo para os servizos de emerxencias.