O temporal de vento e mar deixa ondas de 7 metros e refachos de 114 km/h


A Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta ampliou este luns a alerta laranxa por temporal a toda a costa galega. Nun principio as previsións apuntaban só ao noroeste e o oeste da Coruña e Lugo pero desde o mediodía ampliouse tamén ao resto da costa coruñesa e da provincia de Ponteveda. Nas primeiras horas rexistráronse ondas de 5 metros en Estaca de Bares e o vento tamén soprou con forza na costa luguesa. O mal tempo paraliza os mariñeiros e mariscadores. Os afectados xa falan de desastre humanitario nun inverno en que se suceden as borrascas.

Temporal de mar na costa de Malpica.

“Leva tres meses así, e non para, isto para os mariñeiros é un desastre humanitario” “O mar está malo, malo, hai vento hai ondas hai de todo, está malo, está facendo un inverno malísimo” “Aquí non hai axudas para ninguén, aquí as axudas todas son para os de terra”, quéixanse os mariñeiros.

O tempo non vai mellorar ata o mércores aínda que nas últimas horas a forza do vento foi amainando e as ondas van gañando altura. Desde Protección Civil lembran que pode resultar perigoso achegarse a praias e paseos marítimos porque poden ser arrastrados.