O temporal “Elsa” golpea Galicia con refachos que superan os 140 km/h e choiva intensa


  • A alerta laranxa deixou multitude de incidencias por toda a Costa da Morte tras seis horas intensas de vento y choiva.

O CIAE 112 Galicia rexistra máis dun milleiro de incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa que se foron producindo ata as 08:00 horas deste xoves.

Por provincias, A Coruña foi a máis afectada con 437 incidencias rexistradas, Pontevedra con 425, seguida de Ourense con 96 e Lugo con 92 incidencias. A caída de árbores e pólas en vías de circulación (383), actuacións de prevencións de risco (103), obxectos varios nas estradas (37), restos de cables da luz e do teléfono nas calzadas (86), anegamentos en estradas (90) e inundacións en vivendas (12) foron as incidencias que máis se repetiron.

En canto aos concellos, na provincia de Pontevedra destaca o de Vigo con 86 incidencias, Vilagarcía de Arousa con 17 e O Grove con 7. Na provincia de A Coruña, Carballo alcanzou as 43 incidencias, Muxía sumou 15 e Cee 9. En Lugo, Mondoñedo rexistrou 7 incidencias e Baralla 3 e, por último, no concello de Ourense alcanzáronse 13 incidencias, 8 en San Cibrao das Viñas e 4 no Barco de Valdeorras.

Cómpre destacar que, en Catoira ás 12:05, unha árbore caeu sobre un coche que ía circulando na PO-548, no punto quilométrico 10. Non houbo feridos, só danos materiais.

Ademais, en Fisterra, desbordouse o río Ponteira da Anchoa e inundou dúas vivendas na parroquia de San Martiño de Duio, sen rexistrarse danos persoais. O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través dunha persoa particular e, decontado, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Cee, á Policía Local e a Protección Civil de Fisterra. E, por outra banda, unha vivenda anegouse no lugar de Faxín, en Narón. Foron os bombeiros da localidade os que alertaban do sucedido ao 112 Galicia, uns minutos antes das 17:25 horas. Decontado, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Policía Local.

TAMÉN NA COSTA DA MORTE

Na Costa da Morte superáronse en moitos puntos os cen quilómetros por hora como os refachos de 135 rexistrados en Vimianzo. Pero tamén máis ao norte, en Cedeira medíronse refachos de 127 quilómetros por hora. O litoral coruñes estivo boa parte da xornada en aviso laranxa, unha situación que foi mellorando a media tarde, baixando o aviso a amarelo, aínda que a situación vai recruar mañá. Elsa tamén vén acompañada de fortes precipitacións, que non deixaron de caer en todo o día.

Tal e como reflicten as imaxes chegadas á nosa redacción, Carballo e tamén Muxía tiveron problemas de canalización da auga da choiva. En Camariñas despegáronse varias pranchas da cuberta do tellado da lonxa. A estrada DP-1914 que une Carballo e Portomouro tamén estivo anegada ao seu paso por Rus.

Situación caótica na rotonda do Barrio da Milagrosa en Carballo.
Muxía tamén estivo anegada pola riada durante varias horas.
Estrada DP-1914 anegada.

Cae a cuberta da lonxa de Camariñas

Un dos incidentes máis relevantes tivo lugar no municipio de Camariñas, onde o vento provocou o desprendemento da cuberta da lonxa, o que obrigou a actuar a efectivos dos Bombeiros, Protección Civil, Policía Local e Policía Portuaria. A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, desprazouse durante a xornada ata esta localidade para coñecer de primeira man os danos causados polo temporal nas instalacións portuarias. Técnicos deste departamento traballan na zona para analizar a situación e decidir as medidas de urxencia a adoptar para recuperar a normalidade coa maior celeridade.

Tira casa abandonada en Muxía

O temporal asolagou rúas e tirou casas. Os equipos de Protección Civil tiveron que traballar toda a tarde por inundacións nas rúas da vila. Numerosos locais e baixos asolagáronse polas intensas chuvias caídas ao longo da tarde. E tamén houbo problemas nalgunhas estradas, onde se formaron bolsas de auga que complicaron a circulación.

BORRASCA ELSA

Elsa forma parte dun tren de borrascas que leva días afectando o país. Pero a xente tómao con resignación. Din que isto é Galicia, aínda que sinalan que este ano está a chover demasiado, que xa abonda.

As borrascas seguirán acompañándonos aínda uns días, pero as previsións indican que a partir do día de Nadal teremos unhas xornadas de altas presións.