A masa de aire frío procedente do norte de Europa que afecta a Galicia e que se prevé vaia deixando neve a partir dos 300 metros, ondas de máis 8 metros no noroeste, forte vento e intensa chuvia, está a provocar numerosas incidencias en todo o país, tamén na Costa da Morte. O 112 rexistrou desde a medianoite do luns ata as 8 horas deste martes 607 incidencias vinculadas por este temporal en Galicia. Cabe extremar as precaucións nas estradas, no litoral e en zonas altas.

Este luns, preto das 11 da noite, unha forte racha de vento fixo voar polo aire a cuberta de aluminio dunha terraza en Carballo. O suceso produciuse na rúa Rio Sil. Foi necesaria a intervención dos servicios de emerxencia para controlar a situación. Un vehículo Mercedes Benz estacionado na rúa sufriu importantes danos polos restos desprendidos da cuberta situada á altura dun cuarto andar. Afortunadamento non houbo que lamentar danos persoais.
Cabe destacar tamén a importante crecida dos ríos debido a intensa choiva rexistrada nas últimas horas, para mostra o estado do Anllóns ao seu paso polo parque do San Martiño en Carballo. Un punto quente deste tipo de incidencias sobre o cal están a traballar as administracións autonómica e local para tratar de solventalo.
Para anticiparse aos problemas que poidan xurdir, sobre todo de cara ao xoves, no que se prevé un incremento das precipitacións, o alcalde, Evencio Ferrero, convocou unha xuntanza de coordinación na que participaron os concelleiros de Seguridade, Juan Seoane, e Servizos, Luis Lamas; os xefes da Policía Local, Roberto Mosquera; Protección Civil, Javier Souto, e a Brigada Municipal de Obras, Manuel Mariño; o enxeñeiro municipal, José Facal, e o responsable de Gestagua, a empresa que xestiona o ciclo integral da auga, Benigno López.

As medidas preventivas xa empezaron a aplicarse nos últimos días, co control de aforos tanto no Anllóns coma no Bardoso, e o peche, dende primeira hora da mañá deste martes, do paseo do Anllóns. Na xuntanza acordouse actualizar os datos dos aforos nos ríos cada 12 horas e ir adoptando medidas de información de prevención entre a poboación en función da evolución das canles, xa que as previsións de precipitacións increméntanse de cara ao xoves.
Nestes momentos recoméndase a todas as persoas que vivan a menos de 50 metros do río que extremen as precaucións, especialmente na zona do San Martiño e do Parque do Anllons, evitando a utilización dos garaxes. Tamén se aconsella á poboación en xeral non utilizar as zonas de aparcamento situadas na contorna do San Martiño e non achegarse ás marxes dos ríos.
Ante calquera incidencia está a disposición da cidadanía o teléfono de emerxencias 112.