Polo menos catro persoas faleceron esta fin de semana no nordés de Europa, azoutado por unha tormenta de neve. O temporal Malik, alcumado «Nadia» en Alemaña, provocou accidentes e cortes de tráfico polo vento e a neve neste país. En Berlin declarouse o estado de emerxencia polos fortes ventos. En Brandenburgo, un peón morreu ao caerlle encima un cartel electoral. E no norte o tráfico quedou suspendido por mor das tormentas, con ventos de máis de 130 kilometros por hora durante a noite. En Hamburgo asolagouse o mercado de peixe de Altona e ameaza tormenta na costa.
En Gran Bretaña, o temporal deixou danos materiais e cortes de enerxía en miles de fogares. En Escocia, dúas persoas faleceron por caída de árbores.
Tamén o temporal deixou danos ao seu paso por Suecia, Noruega e Dinamarca. Estradas cortadas, accidentes de tráfico e moitos ferry cancelados. Un buque de carga tivo que pedir auxilio na norueguesa illa de Rott por mor da ondada. E varias pontes danesas tiveron que pechar, incluíndo o que une Copenhage con Malmö en Suecia. Unha muller danesa faleceu ao caerse debido ao forte vento. A tormenta derrubou alí un guindastre durante a noite, aínda que non houbo feridos. Unha nevada obrigou a deter o tráfico de trens e autobuses en Finlandia.