O Tenente de Alcalde de Zas, Óscar Lema, deixa a primeira liña política

1 minutes read

Xusto ao rematar o pleno extraordinario celebrado este mércores, Óscar Lema Romero aproveitou a presenza de todo o equipo de Goberno do BNG de Zas para  anunciar que a comezos do 2020 deixa a primeira liña política. “Quero deixar claro que esta é unha decisión totalmente persoal e tamén me gustaría que todos e todas entendérades que despois de 20 anos necesito un descanso”, sinalou Óscar Lema. 

Durante o seu anuncio, aclarou que continúa coa súa acta de concelleiro e participando na Xunta de Goberno. “Sigo aquí. Así que xunto cos meus compañeiros e compañeira de Goberno, seguirei achegando a miña experiencia de todos estes anos e traballando día a día con Lolo, que é o mellor Alcalde que Zas pode ter”.

O concelleiro quixo facer un repaso da historia do BNG de Zas dende os seus inicios, no ano 1999 e cando el contaba con 19 anos, ata a actualidade. Óscar Lema é concelleiro de Zas dende o ano 2001.

Non foi quen de conter a emoción no momento de agradecer o cariño que recibiu ao longo de todos estes anos por parte dos veciños e veciñas, dos traballadores municipais e tamén dos compañeiros e compañeiras de partido cos que sinalou que compartira “moitos sobresaltos e moitas preocupacións pero tamén moitos bos momentos”. De todos e todas eles destacou son xente honesta, traballadora e boas persoas.

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, desexoulle o mellor tanto no persoal como no profesional e agradeceulle todos estes anos de traballo. Os compañeiros e compañeiras de Goberno agasallárono cun caloroso aplauso.