O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) ditou este xoves que o ex-vicepresidente da Generalitat e líder de ERC, Oriol Junqueras, debeu ser recoñecido como eurodeputado desde a proclamación oficial dos resultados das eleccións ao Parlamento europeo do pasado mes de maio e gozar “desde ese mesmo momento” de inmunidade.
Na súa sentenza, a xustiza europea di que unha persoa que foi oficialmente proclamada electa polo Parlamento Europeo cando se atopaba en prisión provisional por delitos graves debe ser recoñecido como eurodeputado, aínda que non fose autorizada a cumprir os requisitos previstos polo dereito interno nin a desprazarse á Eurocámara para participar na súa primeira sesión.
Con todo, o fallo non abre a porta do cárcere a Junqueras porque xa non se atopa en situación de prisión provisional senón que foi condenado a 13 anos de cárcere e inhabilitación por sedición e rebelión. O TJUE di que corresponde agora ao Supremo “apreciar os efectos aparellados ás inmunidades de que goza o señor Junqueras Vies noutros posibles procedementos”. É dicir, a decisión final sobre os próximos pasos será do tribunal español.