O toque de queda en Galicia atrasarase este venres ata as 23 horas

Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico de expertos sanitarios. 14/04/21_Xunta de Galicia

  • Os restaurantes poderán servir ceas ata as 11 da noite pero os bares deberán pechar as súas portas dúas horas antes

O presidente da Xunta anunciou este mércores que se vai atrasar o toque de queda desde as 22:00 ata as 23:00 horas. Esta nova medida entrará en vigor a partir deste venres. Na rolda de prensa posterior á xuntanza do comité clínico, Alberto Núñez Feijóo tamén adiantou que Galicia continuará pechada perimetralmente aínda que seguirá contando cunha apertura “progresiva, puntual e proporcional”.

Novo horario na hostalería

Os locais de restauración poderán servir ceas ata as 23 horas, sempre e cando cumpran cos requisitos que sairán publicados proximamente no DOG como conservar un rexistro de clientes e garantir a calidade do aire mediante o control do CO2 do establecemento. Pola contra, os bares deberán pechar as súas portas as 21:00 horas, como ata o de agora.

Residencias de maiores

Feijóo aseverou que a Administración autonómica continuará coa progresiva apertura das residencias de maiores. Deste xeito, cada residente poderá recibir a visita de familiares e achegados. Iso si, sempre con cita previa e de un en un.

Ademais, os residentes poderán saír ata tres veces por semana, cunha duración de catro horas por saída.

Fin do estado de alarma

Por último, e diante do previsible fin do estado de alarma para o próximo 9 de maio e da posibilidade de que o Goberno central recorra ante o Tribunal Constitucional a “lei de xestión da pandemia que aprobou o Parlamento galego”, Feijóo manifestou a incerteza que xera este escenario para seguir xestionando con rigor e con seguridade xurídica.

“Non é de recibo. Estamos moi sorprendidos con esta situación”, abundou, afirmando que o Goberno galego seguirá traballando en base a aperturas graduais e medidas e apostando pola vacinación.