A casa do concello foi este venres o escenario da presentación do torneo, á que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o técnico municipal Manuel Varela Bardanca; o presidente do club anfitrión, Chano Calvo; o vicepresidente das Escolas Luis Calvo, Jesús Capelán, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, quen destacou o traballo que se está a facer dende o Bergantiños, “que é un dos primeiros dos máis de 5.000 equipos que hai en Galicia en número de licenzas”.
Ao “traballo exemplar” que desenvolve o Bergantiños tamén se referiron o concelleiro de Deporte e o alcalde, quen asegurou que dende o Concello de Carballo continuarase a prestar todo o apoio posible para que as expectativas do club se fagan realidade.
O Torneo Internacional Concello de Carballo disputarase do 9 ao 11 de xuño. O club local estará representado por dous equipos, o Bergantiños 100, que levará esta denominación coma homenaxe ao centenario do club, e o equipo gañador do torneo de fútbol 11 alevín Conservas Calvo. A competición desenvolverase en formato de liguilla, comentou Jesús Capelán.