En calquera dos casos poida que a cuestión non sexa fácil, o tráfico rodado non ten alternativas ao bloqueo por obras na rotonda da Milagrosa, pero en todo caso deberíanse de experimentar outros roteiros diferentes aos existentes, primeiro porque todo indica que as obras van para longo, coa nova canalización do río, a demolición de edificios e pontes na Milagrosa e rúa Fomento, polo tanto todo podería empeorar.
Segundo, sería bo pensar nunha sinalización acorde de roteiros paralelos, sobre todo para tráfico pesado, a quilómetros vista do problema, e non cando o problema xa non ten solución e tescho que comer.
Poderíase sinalizar na recta de Rus a conexión alternativa co polígono de Bértoa, Conserva Calvo e A Revolta Parque Comercial pola DP-1912 vía AC-552, (zonas que xeran gran movemento de tráfico pesado), é dicir, obrigar a utilizar a unión de Rus co sur de Carballo, xa se fixo no seu día cando estivo pechado por obras a ponte da Ponte Rosende e funcionou.
A zona de Malpica, Ponteceso, Cabana ou Laxe, en entrada a Carballo xa non ten problema porque está circunvalada pola AG-55.
A outra alternativa está en sinalizar e habilitar a circulación da DP-1904 (estrada de Ordes) o que necesite ir a Carballo norte, Bértoa etc. pola rúa Olmos e o Añón de Bértoa con saída á propia Igrexa de Bértoa, ou se é necesario por Berdillo.
O certo é que tal e como está feita a distribución actual hai momentos de colapso total en moitas rúas do centro, onde os condutores teñen que armarse de paciencia a diario.
A seguridade cidadá tamén necesita un repaso
As forzas e corpos policiais vense desbordados en moitas ocasións polo alto nivel de delitos que se cometen na capital de Bergantiños. Roubos de coches, roubos en negocios, violencia doméstica ou atentados contra a seguridade do tráfico están a levarse a palma nos últimos meses. Sen ir máis lonxe, na madrugada deste xoves foi arrestado un home de mediana idade por presuntamente ameazar e agredir á súa parella en Carballo. Tamén foron subtraídos dous turismos, practicadas dúas alcoholemias positivas e entraron a roubar no céntrico bar Piscis.
Neste último caso as cámaras de seguridade recolleron como un individuo alto e co rostro tapado forzaba a porta de acceso ao local e á súa vez rompía o cristal para acceder ao seu interior, preto das 5 da madrugada. Unha vez dentro, segundo a xerencia, apropiábase de diferentes cantidades de diñeiro de venda de lotería e ao non ser capaz de abrir a máquina rexistradora, leváballa enteira.
Nestes casos, posiblemente os medios humanos policiais sexan insuficientes para marcar de cerca aos delincuentes, que na maioría das ocasións sempre son os mesmos e coñecidos de todos.

Na madrugada deste venres dous incendios en contedores do lixo fixeron saltar todas as alarmas, o máis perigoso producíase preto das 2:00 horas na rúa Río Lérez, debido á proximidade de vehículos ao lume. A rápida intervención dos Bombeiros e da Policía Local, alertados polo 112, puxo coto a males maiores.