Presentouse no Salón de Plenos do Concello de Zas a VI edición do Trail da Filloa de Zas que se disputa o vindeiro domingo, 26 de febreiro. “Un ano máis Zas volverá a ser este domingo un referente neste tipo de eventos deportivos”, sinalou Manuel Muíño, Alcalde de Zas, durante a presentación.
Como vén sendo habitual, os percorridos das diferentes probas discorren polos montes do noso municipio atravesando ribeiras, zonas de lama e subindo ata os puntos máis altos: Pico de Meda, Monte Brondo e O Pedrido (en Roma). En total son uns 75 quilómetros de percorrido que se limpiaron e, nalgúns casos abriron camiños, grazas á rede de colaboradores da Asociación Deportiva Monte Brondo que é a encargada de organizar este evento xunto co Concello de Zas.
Aínda que o prazo de inscrición se pecha esta noite xa “hai máis de 900 persoas inscritas”, segundo sinalou David Fernández – da Asociación Deportiva Monte Brondo – durante o acto de presentación que chegan dende moi diferentes puntos (Zas, Costa da Morte, de toda a comunidade galega, Barcelona, As Palmas, León, Lugo, Madrid, Ourense,…). Das cinco probas que se disputarán este domingo tan só quedan prazas para o Trail Longo, de 27 quilómetros, e para o Gran Trail, de 45 quilómetros.
Coma sempre haberá zonas distintas zonas de avituallamento ao longo dos diferentes percorridos e tamén aparcamentos e gardarroupas gratuítos. E ao igual que os últimos dous anos, creará a “Beca para estudios” cos gastos que se destinaban a agasallos para os participantes. O importe entregaráselle de forma confidencial a un estudante empadroado/a no Concello de Zas que será seleccionado polo departamento de Servizos Sociais municipal.