O tramo do Camiño Fisterra-Muxía protagonista na World Travel Market de Londres

1 minutes read

Dende este luns e ata o mércores, a Deputación da Coruña participa por primeira vez e cun stand propio en Londres na World Travel Market (WTM), unha das feiras de turismo máis importantes de Europa, onde se amosan as novidades e plataformas de promoción do sector turístico. Ademais, ofrece espazos innovadores, creadores de tendencias, relacións comerciais e conferencias sobre o que está a suceder na industria turística.

Este stand está especialmente dedicado ao Camiño de Santiago, especificamente ao Camiño Inglés e ao Camiño Fisterra-Muxía, co obxectivo de fomentar o coñecemento dos mesmos e posibilitar que maior numero de peregrinos e turistas se animen a percorrer estas rutas situadas na provincia da Coruña.

O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, participa estes días na capital británica en diversos actos e reunións incluidas no programa do evento. Este luns, tras a inauguración da feira, a delegación coruñesa recibiu a visita da ministra en funcións de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.