O transplante de medula ósea creceu un 50% na última década en España

1 minutes read
  • A media de idade dos doantes dispoñibles é de 34 anos e a dos doantes incorporados en 2019 foi de 30

O Rexistro de Doantes de Medula Ósea (REDMO), xestionado pola Fundación Josep Carreras, e a Organización Nacional de Transplantes (ONT) publicaron esta semana a memoria dos datos do 2019 na que se ratifica que nos últimos dez anos, a doazón de medula ósea en España creceu un 50%.

Ao longo do pasado ano realizáronse 3.444 transplantes de proxenitores hematopoéticos (TPH) -ou de células nai do sangue-, dentro dos que se inclúen medula ósea, sangue periférico e cordón umbilical. Deles, 2.146 eran do propio paciente, mentres que 1.298 foron obtidos dun doante. Estas cifras insisten no crecemento sostido desta técnica terapéutica, xa que supón un aumento do 2% de transplantes con respecto a 2018.

España dispón, así mesmo, de 64.662 unidades de sangue de cordón umbilical (SCU), un 8% de todas as almacenadas no mundo (790.000) e o maior rexistro de Europa, terceiro do mundo detrás de Estados Unidos e Taiwan.

Ao peche do ano, España contaba con 420.730 doantes rexistrados no REDMO. Grazas a eles, 221 doazóns foron efectivas, un 10% máis que o ano anterior. Ao longo de 2019 incorporáronse 36.108 novos doantes ao rexistro.

A media de idade do doante, 34 anos A media de idade dos doantes dispoñibles é de 34 anos e a dos doantes incorporados en 2019 foi de 30. O 53% dos doantes dispoñibles é menor de 40 anos. Con respecto ao sexo, o 63% do total de doantes son mulleres e dos novos doantes de 2019, o 66% tamén son mulleres.