A partir do 5 de abril os servizos de transporte público dirixidos a traballadores que se desprazan desde Ferrol ata A Coruña será reforzado coa incorporación dun segundo autobús de ida a primeira hora da mañá e novas paradas no centro da cidade.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ofrece, deste xeito, unha solución coordinada co Concello da Coruña e mellor adaptada ás necesidades de transporte detectadas nesta liña en franxas horarias de alta demanda. As melloras deseñadas nestes servizos son froito dun traballo continuado desde a implantación do novo contrato, no que xa se introduciron melloras no pasado mes de febreiro.
A nova configuración que está previsto poñer en marcha o vindeiro luns engade unha nova liña á ida desde Ferrol á Coruña cun servizo á primeira hora da mañá, de xeito que os traballadores disporán de dous percorridos diferenciados polo centro da Coruña.
Esta nova liña, Estación de autobuses de Ferrol-A Maestranza, que sae ás 6,45 horas, dispón paradas na Praza de Mina, Os Cantóns, Obelisco/Casino e A Maestranza no municipio da Coruña. Ao tempo, mantense a liña actual Pazo da Merced (Neda)-Campus Riazor, que sae ás 6,25 horas e incorpora as paradas na Domus, a Casa dos Peixes e o Xeriátrico.
Estas dúas liñas están coordinadas para que calquera usuario do tramo entre Neda e Ferrol poida facer enlace e continuar no autobús que máis lle conveña, segundo o seu destino no municipio da Coruña.
Para a volta cara a Ferrol á primeira hora da tarde, a solución deseñada inclúe unha nova liña Ronda de Nelle-Campus Riazor-Pazo da Merced (Neda) que sairá ás 15,00 horas e recollerá os usuarios á saída dos centros de traballo.
Esta liña terá paradas en Ronda de Nelle, Campus Riazor, Domus, Casa dos Peixes, Xeriátrico, Hípica, Obelisco/Casino, Os Cantóns/Librería Arenas, San Pedro de Mezonzo, Estación de Autobuses e Alfonso Molina (Carrefour), continuando viaxe ata Neda.
Finalizado o itinerario polo centro da Coruña, este autobús enlazará na área de servizo do Burgo cun novo servizo especial que circulará desde o CHUAC.
En conxunto, as modificacións supoñen crear novas paradas no termo municipal da Coruña coa finalidade de acadar desprazamentos máis áxiles para os traballadores que se trasladan cada día desde a área de Ferrol ata a cidade herculina.