A Sección Quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo estimou os recursos presentados por Ence e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a Resolución, do 20 de xaneiro de 2016, da Directora Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, que outorgara a Ence unha prórroga de 60 anos da concesión de ocupación dunha franxa de dominio público marítimo terrestre destinada a fábrica de pasta de celulosa en Pontevedra. A Sala considera que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988, como é o caso, sempre que consten informes ambientais favorables. No asunto analizado, constaban informes favorables da Administración nesa materia. En todo caso, Ence sostén que vai establecer «de forma proactiva» un diálogo aberto coa sociedade pontevedresa, «escoitando a voz de todos e respondendo as inquietudes da nosa contorna», segundo o seu presidente, Ignacio de Colmenares.
42