Caldo foi a banda gañadora da final do Concurso Fran Pérez «Narf» para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña e que tivo lugar no Teatro Colón da Coruña. No espectáculo participaron as cinco bandas finalistas: Caldo, Ukestra do Medio, Koroi-ev e Momboi, ademais de Verto, o grupo convidado, nun acto que estivo conducido pola xornalista Belén Regueira. En metálico os premios son de 3.000 euros para a primeira banda clasificada, 2.000 para a segunda, 1.500 para a terceira e 1.000 para a cuarta e quinta.
CALDO son María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita), que presentan unha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, canda pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas. Neste proxecto apostan pola composición de temas propios así como pola revisión do repertorio tradicional galego, poñendo o foco na aldea de Moscoso (Pontevedra). Para isto, contaron co material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo. No seu 1º disco, formado por temas orixinais, Caldo emprega as pezas do repertorio de Moscoso como fío condutor do álbum. Este disco foi gravado en directo, para manter a esencia e a enerxía que desprenden nos seus concertos.