- Este venres ás 19:00 horas será inaugurada unha exposición ao aire libre que recolle o material recompilado durante décadas polo historiador Xan Fraga
A asociación cultural Lumieira e o Concello de Carballo tratan de recuperar a historia do trolebús coincidindo co 50º aniversario da súa desaparición. O 15 de marzo de 1971 a xente da comarca despedía un medio de transporte que foi decisivo no desenvolvemento dos catro concellos polos que circulaba: Carballo, A Laracha, Arteixo e A Coruña.
Agora, parte do material recompilado durante décadas polo historiador local Xan Fraga Rodríguez, autor de varios libros sobre o trolebús e o tranvía e gran coñecedor da historia deste medios de locomoción, sairá á luz a través dunha gran exposición ao aire libre que será inaugurada este venres ás 19:00 horas na Praza do Concello.
A mostra, realizada integramente en Carballo e que poderá visitarse durante todo o mes de xuño, «inclúe dez expositores de catro caras cada un, con información escrita e fotografías, principalmente, pero tamén con outro tipo de material recuperado dos trolebuses, como nóminas ou billetes», sinalan desde o Concello.
A liña de trolebuses entre Carballo e A Coruña fora inaugurada o 23 de febreiro de 1950. A estrada que une estas dúas localidades foi a primeira que se electrificou en España, e a liña de trolebuses, cos seus 34 quilómetros de lonxitude, chegou a ser a máis longa de todo o Estado e a segunda de Europa occidental.