O trompetista Manuel Blanco ofrecerá un concerto en Carballo

3 minutes read

Trompeta principal da Orquestra Nacional de España, compartirá escenario co violinista Eduardo Coma, profesor do CMUS

Manuel Blanco comezou moi cedo os seus estudos de trompeta con Martín Baeza Rubio e José María Ortí Soriano. Na actualidade tamén recibe asesoramento musical do concertista internacional Reinhold Friedrich, mostrando estes tres mestres un especial interese na súa preparación humana e profesional.

Ten gañado diversos concursos, como o Cidade de Xátiva, Calviá, Moixent, Jeju (Corea do Sur)… pero o seu gran logro internacional chegou tras gañar o 1º premio no prestixioso ARD Music Competition de Munich 2011, obtendo a cualificación máis alta da historia da competición. Este galardón só se concedeu a outros dous trompetistas nas súas 62 edicións, sendo Maurice André o primeiro en 1963. Blanco é considerado como o seu lexítimo herdeiro.

No ano 2017 sae ao mercado o seu primeiro CD, Fearless, gravado para DECCA acompañado pola Orquestra Nacional de España baixo a batuta de Josep Pons. Recibido con gran expectación tanto pola crítica como polo público, este traballo discográfico é unha demostración do amplo repertorio que pode facer fronte Blanco, incluíndo obras de toda a historia da música, desde Haydn ata Tomasi.

Eduardo Coma:

Nacido en Camagüey o 17 de outubro de 1967. Aos 7 anos comeza os estudos de música na Escola Provincial de Arte da súa cidade natal, seguindo en grao medio co Profesor Pablo Vázquez Lara. Baixo a tutela deste profesor participou en diferentes concursos de música tanto provinciais como nacionais, obtendo varios premios importantes. Termina os seus estudos no Instituto Superior de Arte da Habana, onde recibe clases de importantes profesores como son Aral Baisikalov, Igor Frolov, Evelio Tieles, Emilio Estrada, Vise Borisova, Valeri Bibal.

Profesor de violín na Escola Vocacional de Arte de Guantánamo e de Camagüey e concertino da Orquestra Sinfónica de Camagüey ata o ano 1992, no que gaña unha praza de primeiro violín na Camerata Brinde de Salas da Habana. No 1994 viaxa a España coa Sinfónica Nacional de Cuba a unha xira de concertos por numerosas cidades. Traballa como profesor de violín da Academia de Música “Amatti” de Granada baixo a dirección de Yehudi Menuhin. Colabora con Orquesta Ciudad de Granada en varios concertos.

Dende o ano 1996 vive en Galicia, onde traballou en conservatorios e escolas de música. Desde o ano 1998 é violinista do grupo de música folk Luar na Lubre, co que gravou 6 discos para a multinacional Warner, co que obtivo 6 Premios Nacional da Música, gravou unha longametraxe titulada “Un bosque de música”, viaxou a máis de 25 países en xiras de concertos. Tocou en Salas como Lincoln Center de Nova York, Teatro Solís de Montevideo, Teatro Colón Buenos Aires, etc.

Actualmente é profesor do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Gravou a finais do 2011 o DVD en directo “Unha Noite no teatro Real” co cantante David Bisbal en Madrid e en 2012 “Aires Tropicais”, con Paquito D´Rivera.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?