O TSXG anula a orde da CRTVG aos seus redactores para que tamén editasen vídeo


Outra sentenza contra os intereses da CRTVG. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anula a atribución unilateral que a Corporación fixo aos seus redactores do labor de edición básica de vídeo por ser “unha modificación substancial de carácter colectivo das súas condicións de traballo”. O ditame aclara, ademais, que con esta medida a dirección dos medios públicos vulnerou o procedemento que establece o Estatuto dos Traballadores respecto destas modificacións, que obriga a abrir un período de consultas coa representación sindical antes de aplicar decisións deste tipo. 

A sentenza, atende así parte da demanda presentada polo sindicato CUT e á que se adheriu tamén UGT, pero non atende a que tiña que ver respecto tamén de novas atribucións de labores aos operadores-montadores de vídeo.

Segundo explican as centrais, a CRTVG teimou sempre en que “impoñerlle ao persoal de redacción as funcións de edición (historicamente desenvolvidas polos operadores e operadoras de video) non representaba unha modificación substancial das súas condicións laborais, facendo caso omiso das advertencias da CUT e UGT, que sempre expuxeron a inseguridade xurídica que representaba a medida unilateral disposta pola empresa”. + info tamén en praza.gal