O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prohibir as reunións entre non conviventes, en espazos públicos e privados, entre as tres e as seis da madrugada, en toda a comunidade autónoma, desde as 00:00 horas do día 31 de decembro e ata as 00:00 horas do 18 de xaneiro.
Tamén permitiu ampliar a todo o horario de apertura o requisito de presentar o certificado de vacinación ou de proba diagnóstica negativa para acceder ao interior dos establecementos hostaleiros. Os xuíces entenden que a adopción destas medidas está xustificada polo “relevante risco” de transmisión da COVID-19 existente nestes momentos en Galicia.
En canto á prohibición de reunións entre non conviventes entre as tres e as seis da mañá, o TSXG subliña que se trata dunha restrición ao dereito de reunión que “non é absoluta”, porque “está vixente o dereito para persoas conviventes e acompáñase dun importante número de excepcións que o manteñen, por razóns laborais, sanitarias ou doutra índole”. Ademais, recalca que se restrinxe durante o tempo “que habitualmente se emprega de forma maioritaria para o descanso nocturno”. Por estas dúas características, considera que “se pode falar dunha limitación tenue do dereito, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo”.
A Sala entende que esta extensión no horario -ata o de agora só se requiría a partir das 21 horas- dotará “de máis eficacia” á medida, pois “a situación de risco que se evidencia á hora de quitar a máscara para comer ou beber non é distinta en función da hora do día en que se produce”. O TSXG considera que a ampliación do control de acceso a todo o horario de apertura “non supón un sacrificio adicional substancial de dereitos que mereza unha ponderación diferente á xa realizada”.