O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar unha sentenza, con data do 5 de febreiro, que condena a Consellería de Medio Ambiente a abrir un expediente sancionador que comprobe se a conserveira Jealsa cumpre na súa planta central de Boiro coas condicións impostas na súa Autorización Ambiental Integrada (AAI), emitida pola propia consellería. O TSXG non prexulga o resultado dese expediente, pero na sentenza sinala que hai «indicios» de incumprimento e revela que a propia consellería, nun interrogatorio realizado polo tribunal, recoñece «certos incumprimentos» que poderían supoñer a revogación da autorización ambiental da planta.
Jealsa, fundada por Jesús Alonso, ex-alcalde de Boiro polo PP, e socia da Xunta na empresa para explotar recursos naturais galegos, vén recibindo diversas denuncias e inspeccións do Seprona da Garda Civil por vertidos e contaminación. Neste caso foi outra empresa da zona propietaria dun criadeiro de marisco quen, ante a caída da súa produción, instou a Consellería de Medio Ambiente a revisar a autorización ambiental coa que conta a conserveira. A Xunta gardou silencio e non contestou nin esa petición inicial nin o posterior recurso de alzada, o que levou á empresa afectada a recorrer á sala do Contencioso-Administrativo do TSXG.
Xunta e Jealsa tentaron primeiro deslexitimar á empresa denunciante, pero o TSXG confirma que como posible prexudicada si estaba capacitada para instar a apertura dun procedemento de revisión da autorización ambiental da conserveira.
E sobre o fondo da cuestión, o Tribunal Superior considera que hai «indicios» para para que Medio Ambiente abra un procedemento administrativo sancionador que revise se a conserveira está a cumprir as condicións da súa autorización ambiental. A consellería tentou desviar responsabilidades tanto a outros departamentos da Xunta como Augas de Galicia, como a Costas do Estado. Pero o TSXG ratifica que «é competencia da Administración autonómica» supervisar a instalación de Jealsa xa que «é a que aprobou a Autorización Ambiental Integrada» outorgada en 2013 e revisada en 2022. «En conclusión, e á vista de tales respostas, ha de considerarse a procedencia da incoación e tramitación do correspondente procedemento sancionador», di o TSXG, que en todo caso limítase a ordenar a apertura do expediente sen prexulgar o seu resultado final. Faino ademais nunha sentenza que pode ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo.
A sentenza agora emitida polo TSXG sinala que o propio tribunal remitiu un «interrogatorio» á consellería no que «existe un recoñecemento de certos incumprimentos que puideran conlevar esa revogación» da autorización.