O TSXG ratifica a revogación da licenza da gasolineira da rúa Poniente de Carballo


A Sección Segunda da Sala do contencioso administrativo do TSXG ratificou con data deste martes 7 de marzo a revogación da licenza de obras concedida polo Concello de Carballo en 2014 á gasolineira do centro urbano, situada na rúa Poniente. O tribunal desestimou en parte o recurso de apelación presentado polos afectados e o Concello contra a sentenza de 2021 do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña que revogaba a licenza municipal e deu de novo a razón aos tres empresarios que no seu momento pediron a paralización das obras, a reposición da legalidade urbanística e o cesamento da actividade.

Tras coñecerse a sentenza, a oposición carballesa pretende solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario para que o Goberno local explique a situación na que queda o Concello ante a ratificación da anulación da licenza municipal.

O voceiro de Terra Galega, Andrés Eirís Barca, emitiu un comunicado no que asegurou que con este fallo “vaise aclarando que o Concello vai ter que indemnizar por unha banda aos propietarios da gasolineira da rúa Poniente e indirectamente aos demandantes (gasolineros que se vían prexudicados pola concesión da licenza)”.

«A Sentenza estima a totalidade das demandas dos gasolineros despois de que a licenza é nula, xa que foi contraria a dereito, non habendo en primeiro lugar autorización de Augas de Galicia, sendo unha parcela afectada polo Rego da Balsa, que non houbo continuidade absoluta da actividade, pois estivo a gasolineira pechada varios anos, e finalmente que a técnica municipal, non é enxeñeira industrial».
«Con esta maneira de actuar o Sr. Alcalde está a saquear ao pobo de Carballo, o que lle pedimos é que acabe dunha vez con este proceso, que as partes prexudicadas soliciten as indemnizacións pertinentes, actúe a Xustiza e o Concelllo pague canto antes a súa incompetencia e que non hipoteque as corporacións venideiras», concluíu Eirís.