Indignación en Carballo | A RFEF non admite As Eiroas para o Bergantiños-Tudelano de Copa do Rey

O Bergantiños medirase na primeira eliminatoria da Copa do Rey a un equipo da 1ª RFEF, o CD Tudelano. Hai mal estar na parroquia futbolística carballesa dado que a Real Federación Española de Fútbol comunicáballe na tarde deste xoves ao Bergantiños FC a non posibilidade de xogar nas instalacións municipais de Carballo, ao consideralas non aptas para a disputa dos encontros da competición.

Despois de realizar as inspeccións nas instalacións municipais de As Eiroas, os técnicos e informes da Federación cualifican de “Non Aptas para a disputa dos partidos do Campionato de España/Copa de S. M o Rey”. Con todo o Bergantiños está a traballar para intermediar coa Federación Española de Fútbol e esgotar todas as vías e medios ao seu alcance ata o último momento para que o partido poida disputarse en As Eiroas.

Unha vez máis, do mesmo xeito que sucedeu na última participación do Bergantiños na devandita competición (disputou o partido ante o Sevilla FC no Estadio Riazor), o club tería que buscar e confirmar o lugar e as instalacións nas que disputar o encontro ante o CD Tudelano, que se celebrará o 30 de novembro, 1 ou 2 de decembro.

Desde o club manifestan o seu pesar e frustración por non ter a oportunidade de que os seus socios así como as e os afeccionados poidan gozar do encontro de Copa do Rey en As Eiroas, ao non considerarse aptas as instalacións dependentes do Concello de Carballo. O Bergantiños FC lamenta esta situación e todas as consecuencias que derivan da mesma para o club, os afeccionados e para o propio equipo tanto económicas, como sociais e así mesmo deportivas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha