O túnel de Lepanto, en Vigo, listo para a súa apertura


O alcalde da cidade, Abel Caballero, explicou algunhas das características do túnel de Lepanto que precisou da execución de 356 pilotes, cunha lonxitude total de 2,5 quilómetros, e para o que se empregaron máis de 280.000 quilos de aceiro para conformar o armado do formigón.

O túnel inclúese no conxunto de obras dos accesos á estación de Urzáiz licitadas polo Concello, que ademais do túnel inclúen a eliminación do paso elevado de Alfonso XIII e as conexións desde a AP9 cun orzamento superior aos 11 millóns de euros. Deste presuposto, ADIF achegou 8,8 millóns, o Concello 2,5 e a Xunta medio millón de euros.

O alcalde agradeceu o traballo e a achega do ADIF a esta obra que “é parte dun dos fitos históricos da cidade de Vigo”. Xunto ao túnel, o Concello está executando na contorna, os instersticiais, os espazos entre a estación de autobuses e Vialia cun presuposto de 1,2 millóns de euros; rematou xa a remodelación da Praza da Estación coa recuperación da antiga fachada e un miradoiro, cun investimento de 2 millóns de euros e asumirá o mantemento da nova praza de Vía Norte.

O vindeiro luns, 12 de decembro, pola mañá quedará aberto ao tráfico o túnel de Lepanto, que deberá pecharse durante un mes, desde mediados de febreiro ata mediados de marzo, coincidindo coa elevación do ascensor Halo, polo que as entradas e saídas de vehículos pola autoestrada deberán realizarse por Isaac Peral. A partir de mediados de marzo, o túnel quedará aberto xa de forma definitiva.