O turismo e o lecer poderían non recuperarse ata finais de ano

1 minutes read

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, explicou este venres que o Goberno traballa nun reinicio total da actividade en dous tempos: «Un que abarcará os sectores produtivos ata o verán e outro que se estenderá ata final de ano» e que afectaría a sectores como o turismo, a cultura ou o lecer. Segundo sinalou, estanse a deseñar medidas para protexer a actividade e o emprego en sectores como o turismo, a cultura e o lecer, así como na navegación aérea e marítima, actualmente paralizados por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por forza maior.

No caso destes sectores, xa se sabe «que van ter enormes dificultades», dixo a ministra, polo que Traballo deseña cos axentes sociais «como pautar as medidas para dar tamén amortiguación social a este proceso». Ademais, lembrou que a ministra de Industria, Reyes Maroto, está a traballar co sector para definir «plans de actuación concretos» para salvar a actividade da restauración, hostalería e comercio que «definen a estrutura produtiva de España».