O USB tipo C instaurarase como cargador único a partir de 2024

A normativa, aprobada polo Parlamento Europeo e o Consello Europeo a proposta da Comisión Europea, fixou unha nova Directiva de Equipos Radioeléctricos que establece unha solución de carga única para os dispositivos electrónicos, o USB tipo C.

A nova regulación pon o foco na sustentabilidade para facer que os produtos da Unión europea sexan máis sostibles, reducir os residuos electrónicos xa que segundo datos achegados polo Parlamento Europeo, calcúlase que os cargadores refugados e non utilizados representan unhas 11.000 toneladas de residuos electrónicos ao ano.

Ademais, búscase facilitar a vida dos consumidores de maneira que xa non necesitarán usar un dispositivo de carga e un cable diferente cada vez que compren un novo aparello xa que poderán utilizar un único cargador para todos os seus dispositivos electrónicos portátiles de pequeno e mediano tamaño.

A norma afecta a smartphones, tabletas, libros electrónicos, auriculares, cámaras dixitais, cascos, consolas de videoxogo e altofalantes portátiles que se recarguen por cable, independentemente do fabricante. Así mesmo, os computadores portátiles terán que adaptarse a esta norma antes de 40 meses despois da entrada en vigor (principios de 2028).

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha