Os usuarios de internet de entre 65 aos 74 acadaron o 70,5 % en Galicia, tras subir nos últimos 12 meses un 8,5 % -o dobre que a media estatal, que se sitúa no 4,2 %-. É o incremento máis significativo rexistrado no último ano, precisamente, no colectivo de persoas con máis dificultades de acceso á tecnoloxía. Cómpre destacar o crecemento progresivo de internautas neste tramo de idade en Galicia. Hai 6 anos, en 2017, as persoas de 65 a 74 anos que empregaban internet situábanse no 27,9 %.
Os galegos de 16 a 34 superan a media estatal no uso habitual da rede e nas compras online. O 98,3 % dos nenos galegos de 10 a 15 anos empregan o ordenador e sitúanse á cabeza no uso deste equipamento TIC no ranking por comunidades autónomas, 5,2 puntos por riba da media estatal.
O 95,6 % destes nenos usaron internet nos últimos 3 meses, tamén por riba da media estatal. Son parte dos últimos datos publicados polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2022, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) -dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)- e que constatan os bos resultados dos indicadores de uso das TIC entre os máis novos.