O uso de internet crece nun ano un 21% entre os galegos de 65 a 74 anos

2 minutes read

Segundo os datos publicados polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2021, o 90,2% dos galegos usa internet, rexistrando a menor diferencia coa media estatal do rexistro histórico. Por idades o 100% dos galegos de 16 a 34 anos empregan internet, por riba da media estatal, e o crecemento máis importante rexistrouse no tramo de idade de 65 a 75 anos cun 21% fronte ao 5,2% de crecemento estatal, o que permite reducir a fenda en preto de 8 puntos neste franxa.

Ademais, segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), máis do 93% dos fogares galegos teñen servizo de internet contratado, unha porcentaxe que se mantén en todos os concellos de máis de 10.000 habitantes e que nos concellos de máis de 100.000 xa supera o 95%. O crecemento máis desatacado prodúcese nos municipios con menos de 10.000 habitantes, que por primeira vez superan a barreira do 90% de fogares con internet contratado

Respecto ao equipamento, o 78,7% dos fogares galegos contan con algún tipo de ordenador, experimentando un crecemento do 9,2% no último ano fronte ao incremento do 2,8% da media estatal. 

Comercio electrónico

O 52,5% da poboación galega mercou a través de internet nos últimos tres meses, un crecemento do 11,2% respecto ao ano anterior fronte ao crecemento do 2,6% que experimenta a media estatal. Este pulo ao comercio electrónico localízase especialmente nas persoas de máis idade, xa que crece un 43,2% no tramos de 55 a 64 anos e case se triplica no de 65 a 74 anos.

Os datos do INE constatan que as compras a través de Internet superan o 68% entre as persoas de 16 a 34 anos e acadan o seu valor máis elevado entre as persoas de 35 a 44 anos cun 73,7%.