O uso de internet en Galicia igualouse coa media europea no periodo 2017-2020


O uso de internet entre as persoas de entre 16 e 44 anos en 2020 foi practicamente universal en Galicia, con porcentaxes moi similares aos da media española e europea. Entre os 16 e os 74 anos, cerca do 88 por cento da cidadanía galega usa internet, a mesma porcentaxe que na Unión Europea e lixeiramente por debaixo da media española, que é dun 93,2%.
Galicia situouse na media europea no uso de internet grazas ao incremento experimentado entre 2017 e 2020, que foi dun 11,9 por cento, fronte ao 10,2 por cento da media española e o 7,3% da UE.
Os datos corresponden ao estudo “Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2020” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Segundo o estudo, nove de cada dez fogares galegos (90,3%) ten un servizo de internet contratado. Esta porcentaxe supón un incremento dun 7,4% respecto ao ano 2017 fronte ao 4,6% de aumento da media europea nese mesmo período.
O informe, confirma que, no ano 2020, o proceso de dixitalización da poboación galega consolídase no contexto da pandemia provocada pola COVID-19, impulsada por novos comportamentos e hábitos da cidadanía.
As videochamadas, a procura de información sobre as circunstancias sanitarias, compras on line ou o ocio a través de Internet impulsan os indicadores de dixitalización, e fano máis intensamente entre os colectivos que, tradicionalmente, presentaban unha menor inclusión dixital (persoas maiores ou residentes no rural).
O crecemento na contratación a internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a contratación de Internet sitúase no 84% e o incremento rexistrado no período 2017-2020 foi do 14%. Nos concellos que teñen entre 5.001 e 10.000 habitantes, a porcentaxe elévase ao 88,4% e o incremento nese mesmo período supera o 18%.