O Programa Galicia Vela Adaptada (GAVEA 2026) desenvolverase entre os días 8 e 18 de setembro coa participación de 73 persoas con discapacidade procedentes entidades e servizos de COGAMI. Financiada pola Deputación da Coruña, esta iniciativa ten como finalidade ofrecer a oportunidade a persoas con mobilidade reducida para que poidan gozar do medio mariño a través da navegación dun veleiro adaptado.
As entidades participantes nesta edición son ÍNTEGRO da Costa da Morte, AIXIÑA de Ourense, AMARAI de Arzúa, ADISBISMUR da comarca de Muros, AVANTE de Val do Dubra, ALCER Coruña, APROM de Cariño e ASPAMITE de Teo. Tamén navegarán no veleiro Laion persoas do servizo de atención diúrna de COGAMI en Medelo (Silleda) e do programa de autonomía de COGAMI no CEGADI de Santiago. En total serán 73 persoas as que navegarán pola ría de Camariñas a bordo do veleiro Laion.
As sesións de navegación están programadas ao longo de dúas semanas, distribuídas en quendas de mañá e tarde, permitindo que as persoas participantes poidan achegarse ao medio mariño nunha contorna accesible, segura e adaptada ás súas necesidades. A través desta actividade, promóvense valores como o traballo en equipo, a confianza, a superación persoal e a convivencia.
Proxecto GAVEA
Iniciado en 2002 trala cesión do veleiro Laion incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional e cedido en garda e custodia á entidade membro de COGAMI, ADISBISMUR, conta con adaptacións específicas que facilitan o acceso e a participación de persoas con mobilidade reducida. Entre elas destacan un guindastre na botavara para embarcar dende o pantalán e un winche eléctrico con pulsador que simplifica o manexo das velas.
Con base no porto de Muxía, as travesías, sempre que o tempo o permita, desenvolveranse en quendas de mañá (11:00-14:00 h) e de tarde (16:00-19:00 h). Para poder levar a cabo esta experiencia, o proxecto GAVEA conta con financiación que lle achega a Deputación da Coruña e coa colaboración da asociación Cataventos, a través das persoas voluntarias.
Calendario de participación
(quenda de mañá de 11 a 14 horas e de tarde de 16 a 19 horas).
Martes 8 de setembro: a asociación AMARAI de Arzúa durante a mañá e persoas participantes do programa de Autonomía + de COGAMI no CEGADI de Santiago durante a tarde.
Mércores 9 de setembro: participantes do programa de Autonomía + de COGAMI no CEGADI de Santiago durante a mañá e na quenda de tarde da asociación APROM de Cariño.
Xoves 10 de setembro: persoas do servizo de atención diúrna de COGAMI en Medelo (Silleda) durante a mañá e da entidade AIXIÑA de Ourense na quenda da tarde.
Venres 11 de setembro: a asociación ÍNTEGRO da Costa da Morte na quenda de mañá e tarde.
Martes 15 de setembro: a asociación ADISBISMUR de Muros na quenda de mañá e tarde.
Mércores 16 de setembro: a asociación AVANTE de Val do Dubra na quenda de mañá.
Xoves 17 de setembro: na quenda de mañá a entidade ASPAMITE de Teo e pola tarde ALCER Coruña.
Venres 18 de setembro: a asociación AVANTE de Val do Dubra na quenda de mañá.
