O ‘Verán Cultural’ de Carballo despediuse na praia de Razo na mellor compañía

Concello de Carballo

  • O espectáculo “Un barquiño de pau”, da compañía A Tropa de Trapo, pechou a programación estival da Concellaría de Cultura

Catro espectáculos infantís, catro proxeccións de cine e sete concertos achegaron a maxia, o circo, a danza, o cine e os máis variados estilos musicais ao público carballés durante os dous meses de “Verán Cultural”. Este mércores a praia de Razo converteuse nun escenario inmellorable para a despedida grazas ao bo tempo e á animada participación dos máis pequenos para ver o espectáculo ‘Un barquiño de pau’, da compañía A Tropa de Trapo. A obra representouse xunto á caseta da Praia dos Libros.

A Banda do Verán, Budiño&Novoa, Baiuca, La Crema, Maraya Zydeco, Pepe Vaamonde Banda, Xacarandaina e a Banda Municipal de Brión encheron as noites de verán da mellor música con denominación de orixe galega, nalgúns casos cos aforos completos e mesmo con lista de agarda. O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, destacou a longa traxectoria desta programación (con máis de vinte anos ás súas costas) apostando por un programa «diverso e de calidade, para todas as idades, para xente de aquí e para todas as persoas que se achegan ao noso concello nestas datas».

Todos os espectáculos foron de acceso gratuíto, con aforo limitado e coas medidas sanitarias preceptivas.