O outense Espazo Museístico da Carpitentería de Ribeira «Asteleiro de Ciprián» acolleu este xoves a visita do vicepresidente da Deputación e deputado de turismo, Xosé Regueira, que estivo acompañado da deputada provincial, Soledad Agra; o alcalde de Outes, Manuel González López e o tenente alcalde, Anxo Núñez Fernández.
Nunha xornada na que tamén participaron representantes do sector turístico e agroalimentario, Regueira salientou o potencial turístico da comarca, «de gran calidade e riqueza paisaxística, con moitas opcións de ocio e gastronomía e, ademais, moi preto de cidades como Santiago ou A Coruña, o que o converten nun destino moi atractivo para un turista internacional».
O vicepresidente destacou «as oportunidades de espazos en entornos naturais como este» para dirixirse a «un perfil que valora a calidade e que deixa un impacto socioeconómico e medioambiental positivo na contorna». Para iso, afirmou, «debemos definir, entre todos – sector privado e administracións públicas – o tipo de turismo que queremos e en que mercados queremos emitir turismo».
Neste encontro no que Regueira aprobeitou para coñecer o proxecto de recuperación do asteleiro de San Ciprián, contempláronse tamén as posibilidades deste espazo como recurso de turismo industrial e tradicional, «para poñer en valor, ademais, a historia e a memoria colectiva do territorio».