O vicepresidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Oleiros visitan Malpica

Malpica recibe a visita do vicepresidente da Deputación provincial de A Coruña, Xosé Regueira, e do alcalde do Concello de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane_Cedida

  • O motivo desta visita institucional foi poñer en valor a artesanía local, que comparten ambos concellos

Malpica recibiu durante a mañá deste xoves a visita do vicepresidente da Deputación Provincial da Coruña, Xosé Regueira, e do alcalde do Concello de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, nunha recepción institucional no salón de plenos da Casa do Concello de Malpica de Bergantiños.

O motivo desta visita á vila oleira foi o de poñer en valor a artesanía local, que comparten os dous concellos, e que serve de sustento para moitas familias de ambos municipios. Visitaron o EcoMuseo Forno do Forte, dos poucos que quedan activos na provincia, para poñer en coñecemento conxunto ‘o que aquí facemos e que nos pertence a todos’, destacaron.

A artesanía, e ‘máis concretamente a olaría’, argumentaba o alcalde de Malpica, Walter Pardo, ‘é un dos elementos vehiculares tanto de Galicia, como máis concretamente de municipios como os nosos’. Pardo tamén agradeceu o ‘desempeño diario das nosas e nosos artesáns para ‘manter viva a nosa esencia’.

O alcalde de Oleiros destacou que ‘temos que levantar a olaría, vai sendo hora de que se volva ás pezas orixinais, recuperar a historia e o traballo’. Tamén lembrou que hai moito traballo por diante pero que ‘iso correspóndenos a nós, os políticos’.