- A iniciativa recoñece o traballo desenvolvido pola Deputación da Coruña na modalidade de proxectos e iniciativas institucionais.
Os premios da XVII edición da Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia entregáronse nun acto que tivo lugar na tarde deste mércores na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela nunha convocatoria que nesta edición recoñeceu o traballo no ámbito institucional de Xosé Regueira, en especial, como deputado de Turismo da Deputación da Coruña, cargo que xa ocupou no anterior goberno.
Os premios, creados no ano 1998 e organizados pola revista HGg&T, supoñen un punto de encontro para os diversos axentes do sector e recoñecen produtos e protagonistas do ámbito do turismo e a gastronomía. O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, agradeceu o premio que recibiu como recoñecemento á aposta da institución «polo turismo de calidade e pola profesionalización do sector que é vital para o desenvolvemento económico do territorio».
Tecer alianzas
Na intervención no momento da recollida do premio, Xosé Regueira agradeceu tamén ao persoal da área de Turismo da Deputación polo traballo desenvolvido nos últimos anos á hora de realizar proxectos e promover iniciativas na política institucional arredor do sector. Destacou o papel da área de Turismo da Deputación á hora de «tecer alianzas» con outras administracións e axentes do sector.
A Deputación da Coruña colabora tamén na Gala do Turismo e Gastronomía de Galicia, organizada pola revista HGg&T que premiou inciativas turísticas do último bienio e proclamou 248 etiquetas de ouro, prata e bronce. O acto en que se entregaron as 18 distincións en oito categorías diferentes serviu tamén para conmemorar o 25 aniversario da publicación.