O vicepresidente da Xunta participou nunha videoconferencia coa S.M. o Rei don Felipe VI

Alfonso Rueda, participou nunha videoconferencia co S.M. o Rei don Felipe VI para poñer en valor o traballo das salas do 112 e dos profesionais e voluntarios das emerxencias despregados por toda España fronte a pandemia do coronavirus.

Rueda destacou a importancia deste xesto como “recoñecemento” e “posta en valor” de todo o traballo que levan facendo os efectivos de emerxencias durante esta crise sanitaria: tanto o dos profesionais dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), como o dos voluntarios das Agrupacións de Protección Civil (AVPC), e outro persoal de emerxencias como os bombeiros.

Ata agora, entre os GES e as AVPC, lévanse realizado máis de 80.000 operativos moi diversos: desde intervencións en emerxencias; reparto de alimentos ou medicamentos; ata a comprobación do estado de persoas que viven soas. Tamén colaboran noutras accións importantes como a desinfección de lugares de elevada concurrencia.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia.

“En definitiva, servizos que son sempre fundamentais”, apuntou o vicepresidente, quen agradeceu o traballo realizado durante estes “dous duros meses” e valorou que Galicia conta con voluntarios e profesionais das emerxencias “perfectamente preparados que, cando teñen que responder, fano con solidariedade, con profesionalidade e con vocación de servizo”.

Desde a Xunta lévase traballando desde o primeiro momento para conseguir a máxima coordinación entre a Administración autonómica e os efectivos de emerxencias, que foron mobilizados tras a activación en Galicia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga).

O vicepresidente destacou a importancia deste traballo e recordou o esforzo da Xunta por apoiar a estes colectivos. Agora, na pandemia, con envío de material de protección a todos os concellos galegos para que se distribuíse entre persoal en primeira liña, como os voluntarios de Protección Civil ou os GES; e tamén antes, co apoio continuo nos últimos anos a través de investimentos en equipamento e mantemento, e de formación a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha