Este domingo déronse cita en Carballo case dous mil deportistas de todas as idades para participar na undécima edición da carreira popular que unha vez ao ano converte as rúas da vila nun enorme circuíto de atletismo. A carreira de 10 quilómetros contou con 593 participantes, aos que se sumaron os 223 que tomaron parte no Campionato de Galicia de 10K en roteiro, que se disputou de maneira paralela. A proba de 4 quilómetros, que se celebrou por primeira vez, tamén tivo unha boa acollida, con case cen atletas rexistrados/as. En canto ás categorías inferiores, desde sub-18 ata biberón, a cita desbordou as previsións e houbo que variar o percorrido para darlle cabida a todos/as os/as corredores/as.
O mozo corredor vigués Carlos Porto Pazos, de 20 anos e adscrito á Sociedade Ximnástica de Pontevedra, foi o gañador da proba empregando un tempo de 30:47, seguido de Anxo Castro, a 37 segundos. Carballo Deporte contou coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e da práctica totalidade das entidades deportivas locais para o desenvolvemento desta carreira. Fundamental tamén foi a colaboración de Protección Civil e a Policía Local de Carballo.