«O virus xa está en todos os Estados membros e pechar as fronteiras non ten sentido»

Foto.- Cedida.

O coronavirus puxo a proba un dos alicerces da Unión Europea: o mercado interior, cuxo funcionamento pasa pola libre circulación de mercadorías. Bruxelas loitou por manter as fronteiras abertas, despois de que varios países optasen por impoñer controis. A Comisaria de Interior dixo que a situación está a mellorar.

«Entendo que os Estados membros actuaron rapidamente para tratar de limitar a interacción social. Pero o virus xa está en todos os Estados membros, polo que xa non existe a posibilidade de detelo bloqueando ás persoas nas fronteiras», explica Ylva Johansson. «O que podemos facer é limitar a interacción social facendo que as persoas viaxen menos». Para a Comisión resulta esencial garantir que as subministracións poden chegar a quen os necesita. Pero o control das fronteiras segue sendo unha competencia dos Estados membros, polo que a coordinación non sempre resulta fácil.

Aínda que segundo a Comisaria, cada vez hai máis conciencia de que pode ser clave para loitar contra o Covid-19. «O que estamos a ver é que os Estados membros están a pedir á Comisión que desempeñe un papel máis activo que no pasado nestas áreas», afirma Ylva Johansson. «Están a pedir coordinación, están a dar a benvida ás nosas directrices e están a traballar entre si e coa Comisión. Tratan de resolver os obstáculos e os problemas que provocaron estas decisións e quéreno facer de maneira sosegada. Aínda hai problemas por resolver, pero vexo que os Estados membros están dispostos a facelo xuntos e connosco». E a proba está lonxe de terminar xa que Europa deberá afrontar un novo pico de infeccións, nos próximos días.