O comportamento do volcán Cumbre Vieja ten desconcertados a moitos habitantes da Palma… Tras o apagamento do luns, que apenas durou unhas horas, o volcán cobrou forza este martes expulsando inxentes cantidades de magma incandescente ao exterior. É unha lava moito máis abundante e fluída que en días anteriores, un tipo de erupción que o Instituto Volcanolóxico de Canarias catalogou como hawaiano. Esta viscosidade multiplicou as posibilidades para que a lava chegase ao mar: un momento especialmente perigoso para a saúde dos habitantes da illa, xa que o contacto da lava coa auga salgada pode producir nubes altamente tóxicas.
Desde que o volcán estalou, o pasado dezanove de setembro, a lava cubriu máis de duascentas cincuenta e oito hectáreas e afectou a preto de setecentas edificacións, a maioría quedaron completamente destruídas. Hai máis de seis mil evacuados. O Goberno español aprobou unha axuda inmediata de 10,5 millóns de euros para os afectados, unha cantidade que se destinará na súa maior parte a comprar ou alugar vivendas para as persoas que perderon o seu fogar. Os danos que causou o volcán ata o momento son multimillonarios, tan só en vivendas roldan os 200 millóns de euros, segundo un famoso portal inmobiliario.