O Xacobeo está chamado a ser o motor da recuperación de Galicia

1 minutes read
  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, deu conta no Parlamento das actuacións e propostas do grupo de traballo creado para a reformulación do Xacobeo 2021.

Desde o Goberno galego destacan a importancia social e económica que supón a celebración do vindeiro Ano Santo ao tempo que cualifican este Xacobeo coma “un reto vivo” que está chamado a desenvolver un papel de primeiro orde no proceso de recuperación emocional e económico do territorio “pola súa dimensión internacional e de facer país”.

Composto por 25 membros de diferentes eidos relacionados co Xacobeo -universidades, asociacións de amigos do Camiño, empresarios do sector, membros da Academia Xacobea, entre outros- e presidida pola Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o grupo de traballo para o Xacobeo 2021 quedou constituído en maio coa finalidade de elaborar un documento de recomendacións concretas no novo escenario despois da covid19, e que deu como resultado “unha estratexia nova para un novo camiño”.

“A pluralidade, a formación e a experiencia no traballo foron criterios comúns na elección dos membros”, explicou a directora de Turismo de Galicia, quen destacou que tras a súa creación, o grupo desenvolveu preto de 15 encontros co obxectivo de avanzar na estratexia Xacobeo 2021 “dunha maneira planificada e sen improvisación”, contando coa colaboración dos diferentes axentes económicos implicados, evitando xerar incertezas nos sectores afectados e traballando para “facer o mellor Xacobeo 2021 posible coa vista posta na vindeira Década Xacobea”.