O Pazo da Cultura de Carballo acolleu este domingo a gala final do certame teatral, no que este ano participaron un total de 140 alumnas e alumnos de 12 centros escolares de Carballo, Laracha, Coristanco, Ponteceso, Cabana e Malpica. No acto, no que a clown Pajarito exerceu de mestra de cerimonias, os catro grupos finalistas (dos 24 inscritos na súa totalidade) volveron realizar unha lectura das súas obras.
O primeiro posto na primeira categoría foi para o grupo Os Cristinatreiros, do CEIP A Cristina, coa obra “Cataventos e Cía”, o segundo para Bastidores, do Artai, con “Nunca é a gusto de todos”. Na segunda, Instalacións Eléctricas das Revoltas, foi o gañador con “Na oficina de obxectos perdidos”. De segundo quedou Contadores de Contos, do IES Alfredo Brañas, con “Contos para ser escoitados”.
Os primeiros clasificados de cada grupo recibirán un vale de 150 euros en libros e material didáctico, e os segundos de 100 euros, tamén en libros e material didáctico, coa colaboración da librería Brañas.