Obradoiro asalta Burgos e trae a décima vitoria

4 minutes read

Vitoria de Monbus Obradoiro por 77 a 82 no Coliseum burgalés ante HerEda San Pablo en partido disputado o pasado sábado, ante máis de 9.000 espectadores.
Importantísimo triunfo dos de Santiago, quen disputaba o seu terceiro partido seguido como visitante, tras dúas derrotas ajustadísimas en Fuenlabrada e Zaragoza. Sobre todo, en terras madrileñas, onde caeron por un punto coa última posesión na súa poder. Cambio de tendencia e dinámica, pois consegue o seu segundo triunfo visitante na liga tras gañar en outubro ao Betis e endósalle ao seu opoñente o problema de verse por baixo na clasificación, cunha vitoria menos e o average perdido. Arrincaba o encontro cun conxunto santiagués en modo apisoadora. Vicedo (11puntos, 4 rebotes, 1 asistencia e 17 de valoración) anotaba un triplo e poñía o 2-9 no luminoso cando aínda non transcorreran nin 2 minutos de encontro. Parcial que aumentarían ao 2-11, ata que un triplo forzadísimo, ao límite da posesión de Jarrel Eddie (22 puntos, 5 rebotes e 16 de valoración) establecía o 5-11.

Burgos encomendábase ao xogador de Florida, quen era o único que vía o aro con acerto. Pola súa banda, Robertson conectaba con Birutis (16 puntos, 5 rebotes e 13 unidades de valoración) para levar os puntos á marcadora visitante. A pesar de todo, os homes de azul reaccionaban e comprimíase o resultado. Chegabamos ao 18-19 para finalizar o primeiro cuarto. O segundo acto comezaba cunha xogada “á galega” que se traducía en cinco puntos. Resposta inmediata dos do ex Breogan, Paco Olmos, con 5-0 de parcial e o tenteador moi igualado. As cousas melloraban para Burgos coa batuta de Nikolic (8 puntos, 1 asistencia e 3 de valoración) pero Philip Scrubb (13 puntos, 3 rebotes, 3 asistencias para asinar 18 unidades de valoración como o mellor xogador visitante) cun triplo devolvía a mínima vantaxe compostelá. Os locais mostrábanse especialmente fallóns, tanto nos lanzamentos de 2 como en tiros libre e o cuarto se finiquitaba cun 16-17. Outra vez Obradoiro gañaba o acto por un punto e as escuadras enfilaban o túnel de vestiarios con 34 a 36 no luminoso.

Tras o paso por vestiarios, Birutis palmeaba unha penetración con valor de Scrubb e poñía o 34-38 con apenas 1:08 xogado. Apareceu a enorme figura do capitán local, MVP Benite (21 puntos, 6 rebotes, 3 asistencias e 19 de valoración), quen anotaba un triplo para darlle a volta ao marcador e adiantar aos casteláns 46-44 a 5:50. Parcial que aumentaría ata o 11-0 e 51-44 na marcadora. Volveu entón o Burgos errático e os de branco aproveitáronse para achegarse no tenteador e acabar adiantándose tras triplo in extremis. Era Hobbs (8 puntos, 5 rebotes, 8 asistencias e 17 de valoración), quen desde a súa casa poñía o 56-57, fin do terceiro cuarto e todo por decidirse. O último cuarto xogouse con alta tensión. As necesidades de vitoria de ambos os conxuntos atenazaron os nervios dos xogadores. A pesar da enorme presión, comezou o intercambio de canastras á espera do fallo do rival. Eddie anotaba un triplo e unha penetración rápida para poñer o 71-66. Parecía que ía romper o partido e a coller a escapada boa e definitiva a falta de 5 minutos, pero nada máis lonxe da realidade. Entrou Ellenson (9 puntos, 3 rebotes e 8 de valoración) quen resultou determinante para axustar o partido. Rabaseda (9 puntos, 5 rebotes, 2 asistencias e 19 de valoración) roubaba un balón e anotaba o 75-73 local a 1:57. Era o preámbulo ao “show estafe” dos instantes finais máxicos dun determinante Philip Scrubb, convertido en heroe para os da cidade do Apóstolo. Triplo do canadense que poñía por diante aos de Moncho Fernández a 1:15, 75-77. Tempo morto e a continuación volvía o bo de Philip cunha penetración suicida a anotar unha bandexa que caía, cal floco de neve, no interior do aro burgalés para poñer o demoledor 75-79 a 40 segundos da conclusión. De aí ao final, 2-3, tamén para os galegos e o definitivo 77 a 82 que pechaba o encontro.

Clave foi, tanto a actuación máxica final do irmán pequeno dos Scrubb, o case recentemente chegado Philip, como a persoal en ataque castelá cometida no momento máis oportuno. Vitoria de fe e constancia, clave e fundamental para a consecución futura da ansiada permanencia, que axuda a afrontar o futuro con maior confianza e sen, de momento, a auga ao pescozo. Debe servir de acicate á hora de consolidar a esixencia ACB un ano máis, gañándolle á Gran Canaria en Sar o vindeiro domingo ás 20 horas, o que deixaría a permanencia a tiro de pedra. Sen dúbida, é o momento. Non se debe fallar.

ALEJANDRO LUIS OTERO JAMARDO