Obradoiro de apoio integral ás coidadoras de persoas dependentes no rural da Laracha

1 minutes read
  • Será presencial e constará de seis sesións a impartir os luns a partir do 13 de setembro. A inscrición é gratuíta e debe formalizarse nos servizos sociais municipais

O Concello da Laracha, en colaboración coa Fundación Mujeres e a Deputación da Coruña, poñerá en marcha un novo obradoiro destinado a apoiar de xeito integral ás coidadoras de persoas dependentes no rural. A iniciativa, que complementa aos recursos existentes nesta materia na localidade, é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) a estas traballadoras que, na maioría dos casos, vense illadas socialmente ao ter que dedicar parte do seu tempo ao coidado dos demais.

A formación en materia de autocoidado, xestión emocional, habilidades de comunicación e autoestima pretende que as mulleres poidan exercer os labores de coidado dunha maneira máis saudable e que se minimicen os riscos que corren na actualidade asociados a malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras.

O obradoiro constará de seis sesións que se impartirán os luns a partir do 13 de setembro en horario de 10:00 a 12:00 horas no centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior) ou de 16:00 a 18:00 horas no centro sociocultural de Lendo. A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no departamento de Servizos Sociais chamando ao 981612811.