- Será o próximo sábado, 27, de 10:30 a 13:00 horas
O Concello da Laracha organiza unha novidosa iniciativa dirixida a promover entre a poboación un estilo de vida saudable a través da práctica da actividade física, en concreto da marcha nórdica.
O sábado 27, de 10:30 a 13:00 horas, a área recreativa de Gabelle acollerá un taller de iniciación a unha modalidade de exercicio ao aire libre consistente en camiñar coa axuda e impulso de bastóns e que ten a súa orixe no esquí de fondo. A finalidade é que as persoas asistentes poidan coñecer a técnica e movementos desta marcha ao tempo que poñen en valor os espazos dispoñibles no municipio para a mesma.
O prazo para anotarse ábrese este martes e será necesario formalizar a inscrición acudindo ao Concello ou chamando ao 981605001. Terán preferencia as persoas empadroadas na Laracha.
A iniciativa vai dirixida a todos os públicos, tanto nenos como adultos. A organización porá a disposición dos participantes o material necesario para o desenvolvemento da actividade.