No CEIP Xesús San Luis Romero, grazas á cesión das súas instalacións por parte do Concello de Carballo, membros da asociación Un Paso Máis están a vivir unha experiencia emocionante cada día. O campamento (OBRADOIRO DE ESTIMULACIÓN DE VERÁN) da entidade, executado polo Centro de Especialidades de Isabel García, é moito máis ca unhas simples actividades de verán: é convivencia, aprendizaxe e ilusión compartida.
Indorman que os profesionais do Centro, co seu saber facer e a súa paciencia infinita, están a crear un espazo onde todos os nenos e nenas que asisten —todos con algunha discapacidade— se senten parte importante do grupo. O custo real dun proxecto coma este sería imposible de asumir para as familias, por iso, afirman que senten un agradecemento profundo tanto ao propio Concello coma a Caixabank pola súa colaboración imprescindible.
As familias ao principio tiñan certo temor pola complexidade que supoñía organizalo todo, pero afirman que todo está a fluír mellor do que nunca imaxinaron. Tan ben, que mesmo puideron ampliar prazas tirando da lista de espera. Isto foi posible grazas ao reforzo de persoal que o Centro lles facilitou de xeito totalmente altruísta e tamén ao seu voluntariado.
Ese voluntariado é moi, moi novo. E iso, din, que os enche de esperanza. Ver rapazas e rapaces con tantas ganas de botar unha man, de aprender e de sumar, é un recordatorio fermoso de que o futuro tamén se constrúe con xente comprometida e xenerosa.
Ao final, estas case 30 prazas que puideron ofrecer este verán desde a entidade fan que outras tantas familias teñan, na súa gran maioría por primeira vez, as mesmas oportunidades. Oportunidades non só de diversión e aprendizaxe para os seus fillos e fillas, senón tamén de conciliación, algo tan necesario e tan difícil de acadar para moitos fogares.
Con todo, as familias afirman estar vivindo días cheos de risas, de xestos pequenos que valen moito e de momentos que saben que quedarán na memoria de todos. E iso, para eles, conclúen, é o mellor agasallo que este verán lles podía dar.