O pasado xoves, en partido correspondente á segunda xornada da liga Endesa, Obradoiro volveu gañar. Esta vez 76-80, no Nou Congost de Manresa, sen público e nun partido irregular. As claves da vitoria estiveron no rebote e a defensa compostelá. A pesar diso, os erros e imprecisións con moitas perdas de balón, froito da forte presión de Baxi Manresa, por unha banda, e de arriscadas decisións por outro, a punto estiveron de botar por terra o bo labor do cadro galego en terras catalás.
Cualificaba Moncho Fernández o partido como un “duelo con altibaixos e moi irregular”, destacando tamén a “ clarividencia ofensiva ao comezo do primeiro e terceiro cuarto”. Empezaba o equipo santiagués moi ben cun Birutis sensacional, desarbolando a defensa rojilla con solvencia. Aos 6 minutos e coincidindo co descanso dado ao exhausto pivote lituano, a defensa de Manresa axustouse e o partido, tamén.
A renda era de 2 puntos no minuto 6 (15-17), para acabar o cuarto 15-21 grazas ao acerto de Robertson (14 puntos e 12 de valoración) e Oliver no último arreón. No segundo cuarto impoñía a súa lei o mvp do partido Báez (10 puntos, 2 rebotes e 20 de valoración), quen xunto con Dani Pérez (12 puntos, 11 asistencias e 16 de valoración) voltearon o marcador 29-28 no ecuador do segundo cuarto. Subía Manresa a intensidade e o acerto defensivo, pasábao mal Obradoiro con moitas perdas de balón. A pesar de todo, os puntos finais de Daum, Beliaukas e Robertson con Birutis en pista e anotando, finiquitaban o descanso con 39-41 para os visitantes.
Tras o descanso volvía Birutis a erixirse en protagonista do encontro. Anotaba 4 puntos consecutivos e disparaba a vantaxe galega a 13, cun 0-11 de parcial. Beliauskas (15 puntos, 3/7 en triplos, 3 rebotes e 9 de valoración) acompañaba ao seu compatriota, e a conexión lituana funcionaba, axudados por un par de entradas de mérito de Pepe Pozas. Volvían os de Pedro Martínez a axustar o seu defensa con intensidade e garra. Endosaba aos visitantes un parcial de 9-0 e terminaba o terceiro cuarto cun 56-60 esperanzador, tal e como se puxeron as cousas.
O último cuarto sorprendía co triunvirato Daum, Cohen, Birutis. Unha solución táctica á que Pedro Martínez respondía con lanzamento exterior, estaba vez anotando. Tres triplos consecutivos: Jou e Mason (curiosamente, 4/23 foi o acerto exterior manresano desde a liña 3 puntos). Metía 3 máis nese instante que durante todo o partido, tanto antes como despois. Con todo, e con 65-73 no marcador, Daum, por exceso de confianza estrelaba un mate no aro. Coma se dunha premonición tratásese, volvía a cara fea do Obra con erros e perdas infantís e cuantiosas. Corría e contraatacaba o cadro catalán poñendo as táboas no electrónico a 2 minutos da conclusión, 73-73. Apareceu entón Beliauskas que asumiu a responsabilidade e anotaba por partida dobre con réplica de Baez entre medias.
O partido finalizaba con Baez na liña de tiros libre, anotando só un. Faltaban 15 segundos cando a pepe Pozas fixéronlle falta, metía o primeiro tiro libre errando o segundo, pero con rebote ofensivo para Obra. Nova falta a Daum quen anotaba os 2 puntos e sentenciaba o partido. Acababa con 2 intentos infrutuosos seguidos dos manresanos de 3 puntos. Final, 76-80 e último cuarto que acababa como empezou, con 4 puntos de diferenza e 20/20 de parcial. Segunda vitoria consecutiva de Obradoiro, 2 de 2 e un día máis que os visitantes dormen como líderes da liga Endesa.
Próximo partido, domingo 27 de setembro ás 22horas, no Fontes do Sar ante o Betis. Importante sería lograr a terceira vitoria e ter os deberes feitos, para canto antes lograr o obxectivo da permanencia. Toca aproveitar a inercia gañadora e seguir mellorando. O xoves, a pesar de gañar, houbo demasiadas perdas de balón. Puidemos ver a un exasperado e enfadadísimo, “todo-raza” Moncho Fernández, no banco. E non sen razón, ben puido custar o partido. Ollo con isto. Polo demais, o equipo segue crecendo e que lle quiten o “ bailao”.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO