Perdía Obradoiro na súa visita a Sevilla por 88 a 87 ante o Betis, en partido disputado o pasado domingo ás 17 horas nun Palacio Municipal de deportes de San Pablo sen público. Nun encontro moi disputado, dos catalogados como final por xogarse contra un dos equipos que están abaixo na clasificación e que, de gañarse, supuxese a case salvación, en espera de confirmación matemática, dado o duro calendario que espera aos dous perseguidores máis afastados e o escasas cinco xornadas que restan para acabar a tempada regular.
As únicas boas noticias foron que Obradoiro salvou o basket average e que todos os de abaixo, con excepción do Betis, perderon os seus partidos.
Arrincaba o encontro na capital hispalense cun ritmo frenético, tal e como se presumía pola transcendencia do mesmo. Chegábase ao ecuador do primeiro cuarto con 12-15 para os visitantes, mercé sobre todo ao traballo do omnipresente Enoch (23 puntos, 8 rebotes, 3 asistencias e 28 unidades de valoración) outra vez mvp do encontro, algo ao que ultimamente o americano con pasaporte armenio tennos afeitos. E é que o xogo deste rookie de 2,08 non deixa de sorprender a propios e estraños, cun crecemento absolutamente espectacular. Tras o paso polo banco de Enoch, o partido axustábase tras unha serie de erros no seo do equipo compostelán. Ndoye (11 puntos, 2 rebotes e 9 de valoración) sacaba beneficio dos fallos visitantes, mentres que o mellor local, Feldeine (22 puntos, 2 rebotes, 2 asistencias e 21 de valoración) mostrábase resolutivo para canastra. Precisamente pechábase o cuarto 24-21 para os verdibrancos, tras unha canastra súa sobre a bucina.
No segundo cuarto aparecía Birutis (8 puntos, 2 rebotes e 10 de valoración) para soster ao equipo, que aínda non alcanzaba o tan necesario acerto no lanzamento exterior. Chegaba o partido para poñerse en táboas 30-30 tras canastra de Daum e dáballe a volta o equipo visitante, 34-35 tras penetración, outra vez do de Nebraska e aproveitando Enoch o rebote para machucar o aro sevillano.
O partido estaba marcado pola igualdade, con pequenas vantaxes nun e outro lado da cancha. O segundo cuarto concluía con maior acerto dos de Moncho Fernández, liderado pola conexión lituana Birutis-Beliauskas, para sinalar o camiño a vestiarios cunha lixeira vantaxe galega 41-44, tras levar o cuarto 17-23.
Tras o descanso, os béticos saíron cunha marcha máis e o partido decantábase cara ao seu lado. Outtara saíndo de bloqueo anotaba de 2 para adiantar ao Betis, 53-52 a 5:10 no terceiro cuarto. Por parte santiaguesa respondía Czerapowicz (14 puntos, 3 rebotes, 2 asistencias e 13 de valoración), quen se desfacía da dura defensa de Outtara e anotaba para pasar do 55-52 ao 55-54, continuando a tónica de igualdade no luminoso, restando 3:55. De aí ata o final do terceiro cuarto, Obradoiro continuaba empeñándose en perder balóns e en dar facilidades aos andaluces. Concluía o terceiro acto cun sorprendente parcial de 27-15 para os locais, que deixaban o marcador nun perigoso 68-59.
E chegamos ao último acto co Obradoiro, outra vez, poñéndose a capa de heroe. Minuto 22 e o equipo galego que asina un parcial de 1-10, para deixar o electrónico en táboas, 69-69 no minuto 32, cun excelso Ozmizrak (15 puntos, 3 rebotes, 2 asistencias e 12 de valoración) na dirección do temón santiagués. Os composteláns remontaban coa velocidade do lóstrego e Joan praza víase obrigado a parar o partido.
Chegabamos ao ecuador do último cuarto con 77-75 para Betis. E todo abocado a decidirse nos últimos minutos. Os andaluces parecen poñer terra polo medio cun +6, pronto contrarrestado polo lado visitante co protagonismo dun triplo do base turco e 2 tiros libres de Enoch.
A pouco menos de 1:45 para finalizar o partido, Daum posteaba con 84-83 tratando de anotar e poñerse por diante, producíndose o roubo crave de Kay, o cal desembocaría nun contrataque onde Feldeine dóbralle o balón a Randle (19 puntos, 5 asistencias e 16 de valoración), quen libre de marca, crava o triplo que parecía definitivo, 87-83 a 1:29. Con todo, Obradoiro foi capaz de volver empatar o encontro. Tras 2 tiros libres de Ozmizrak o partido quedaba en táboas, 87-87 e 4 segundos por xogar. Aí, 2 tempos seguidos de Praza e un de Moncho, sinalaban a importancia que tiñan eses 4 últimos segundos no devir final do encontro.
Penetración de Randle e Beliauskas fai falta con décimas por xogar, que o instant replay dos colexiados transformaba nun segundo. Dous tiros libres para o base americano con nacionalidade ucraína, fallando o primeiro e convertendo o segundo. Un punto arriba para Betis e un segundo para que Beliauskas lanzase un triplo afastado que non tocou nin aro.
Final, 88-87 e Obradoiro con 10 vitorias, que perde unha gran oportunidade de finiquitar a permanencia. A cal queda posposta para máis adiante cando restan 5 partidos por xogar. A condición de que haxa 2 equipos que non lle alcancen. Guipúscoa con 7 vitorias e o average perdido, parece que non vai chegar. Pola súa banda, Bilbao con outro 7 pero o average a favor, ten un final de campaña cun calendario moi complicado. Ademais de perder o domingo en Valencia, 99-90, tras un esforzo encomiable. Aínda que demostrando tanto a súa raza, como que vai vender cara a súa pel ata o final.
Próxima estación, Fontes do Sar ante Andorra. O partido que se debía xogar entre semana contra o Barca foi aprazado por coincidir con play off de Euroliga. Pola súa banda, os do Principado dos Pireneos, se xogarán entre semana contra o Zaragoza e o seu estado, tras o covid, pode ser unha incógnita. Pase o que pase, o sábado 1 de maio ás 18 horas hai unha magnífica oportunidade para practicamente selar, no caso de vitoria, o título da permanencia. E esquecerse das contas da leiteira.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO
