Obradoiros de emprego para 45 persoas en A Laracha e Carballo, co apoio da Xunta

2 minutes read
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado do alcalde, José Manuel López, visita o obradoiro de emprego A Laracha V. Foto: Moncho Fuentes.

A Xunta de Galicia continúa cooperando cos concellos para desenvolver políticas activas de emprego e ofrecer á veciñanza oportunidades para mellorar a súa empregabilidade e formarse en sectores con demanda de traballadores cualificados.

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de notificar a resolución pola que se concede a achega económica necesaria para o desenvolvemento do Obradoiro de Emprego A Laracha VII, o sétimo programa dual de formación e emprego que organizará o Concello da Laracha.

Este novo obradoiro terá unha duración de nove meses e constará de dúas especialidades, a de pintura industrial en construción –que centrará as intervencións en edificios públicos e equipamentos de titularidade municipal- e a de atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais. Cada unha delas contará con dez alumnos-traballadores. Ademais, o equipo directivo, formativo e administrativo estará composto por un director, un mestre para cada unha das dúas especialidades, un mestre/titor e un auxiliar administrativo. Por tanto, en total serán contratadas un total de 25 persoas.

Pola súa banda o Concello de Carballo formará a 20 alumnos/as en atención sociosanitaria a persoas dependentes no obradoiro dual de emprego “Carballo Coida”, un proxecto de formación e inserción laboral impulsado dende a concellaría de Innovación, Formación e Emprego en coordinación coa de Igualdade e Benestar, e que permitirá paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores deste sector, que é a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral.

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de comunicar a aprobación da solicitude de subvención aprobada polo Concello de Carballo no mes de febreiro para o desenvolvemento do proxecto. O departamento autonómico realizará unha achega de 346.946 euros para o financiamento da acción formativa, que se complementará con outra partida de 16.500 euros para 11 incentivos á contratación laboral.