Obradoiros de ‘Un Paso Máis’ para fortalecer o apoio ás familias con fillos e fillas con diversidade funcional

3 minutes read

A Agrupación Deportiva e Social Un Paso Máis presentou este luns no Casino de Carballo un novo ciclo de obradoiros dirixido a fortalecer as capacidades das familias na xestión do benestar e no desenvolvemento das habilidades para a vida diaria dos seus fillos e fillas con necesidades e capacidades diferentes.

Durante o acto, a entidade destacou que este programa supón un novo avance no seu compromiso, iniciado no ano 2014, de construír «unha comunidade máis inclusiva, máis solidaria e máis consciente das diferentes realidades que nos rodean».

Os obradoiros desenvolveranse nos locais centrais do Casino de Carballo —a asociación máis antiga de Bergantiños—, que foron cedidos de maneira totalmente gratuíta e solidaria. Un Paso Máis agradeceu expresamente esta colaboración, que permitirá ofrecer un espazo acolledor, accesible e céntrico, pensado para favorecer a participación de todas as familias da contorna.

O ciclo, que se estenderá de outubro deste ano ata xuño de 2026, incluirá nove sesións mensuais celebradas os sábados pola mañá. Ademais, para facilitar a conciliación, porase a disposición das familias un servizo de canguraxe, co fin de que poidan asistir con tranquilidade sabendo que os seus fillos e fillas estarán ben atendidos.

Segundo explicaron desde a agrupación, o programa busca reforzar o empoderamento familiar, ofrecer ferramentas prácticas e fomentar o benestar emocional e social, acompañando as familias que conviven coa discapacidade e dotándoas de recursos útiles para afrontar o día a día con serenidade e confianza.

Ao longo das sesións abordaranse temas como o autocoidado e a saúde emocional das familias, a alimentación saudable na infancia, a promoción da autonomía, o uso responsable das pantallas e ferramentas dixitais, a xestión de condutas, o papel da medicación, o tratamento de medos e fobias e a educación afectivo-sexual.

O ciclo contará cun equipo profesional de gran prestixio, formado por psicólogos, terapeutas familiares e ocupacionais, especialistas en mindfulness, doutores en desenvolvemento e saúde, neurólogos pediátricos e traballadores sociais. «Todas e todos comparten unha ampla experiencia e unha gran vocación de servizo, o que garante a calidade dos contidos e a súa adaptación a cada familia», sinalaron.

Durante a presentación, Un Paso Máis puxo de relevo a crecente necesidade deste tipo de recursos. «Cada día máis familias precisan apoio ante o incremento das necesidades especiais na infancia», explicaron. Segundo os datos manexados pola entidade, o número de nenos diagnosticados con Trastorno do Espectro Autista (TEA) multiplicouse por catro na última década. Nos Estados Unidos, o CDC estima que 1 de cada 36 nenos de 8 anos presenta este diagnóstico, mentres que na Unión Europea a prevalencia media é do 1,1 % nos nenos e do 0,6 % nos adultos.

«As enfermidades raras afectan unhas 3 de cada 1.000 crianzas, e máis da metade dos casos maniféstanse en idade pediátrica, o que converte a infancia no ámbito de maior vulnerabilidade», engadiron.

Desde Un Paso Máis remarcaron que o ciclo nace como «un espazo de aprendizaxe, de encontro e de esperanza», no que as familias poidan compartir experiencias, adquirir novas estratexias e sentirse acompañadas. «Buscamos mellorar o clima familiar, fortalecer a resiliencia e contribuír a unha sociedade máis empática e máis xusta», concluíron.

A entidade agradeceu tamén ao equipo de profesionais, ás familias participantes e ao Casino de Carballo pola súa colaboración xenerosa. «Se algo aprendemos neste camiño é que, cando camiñamos xuntas e xuntos, sempre podemos dar un paso máis», afirmaron ao peche do acto.